Wednesday 01 de May de 2024

O Pleno de Ordes rexeita os orzamentos con máis do 20% destinado a investimentos


As contas de 9.100.000 €, caracterizadas polo mantemento de servizos e unha especial atención aos máis desfavorecidos, a redución de débeda e a eficiencia na asignación de recursos só foron avaladas polo Goberno
O Pleno de Ordes rexeitou esta mañá os orzamentos municipais. Unhas contas que ascenden a preto de 9.100.000 € e que só foron avaladas polos cinco membros do Goberno Local, votando en contra os once concelleiros da oposición presentes na sesión de hoxe. Unhas contas “niveladas nos seus estados de ingresos e gastos” segundo o informe de Intervención, e que “cumpren coa normativa reguladora das Facendas Locais”.
As contas “caracterízanse polo mantemento dos servizos esenciais, con especial dedicación aos colectivos máis desfavorecidos, sendo as súas liñas fundamentais o saneamento das contas municipais mediante a contención do gasto público e a eficiencia na asignación dos recursos municipais. Tamén se sinala a sustentabilidade dos servizos municipais fundamentais, o mantemento dos créditos ás políticas sociais, de emprego e fomento económico, así como aos investimentos produtivos.
Cuantifícase un incremento de ingresos de case un 7% e dun 26,54% de gastos con respecto aos do exercicio pasado (prorrogados os de 2015). Unha diferenza motivada polos axustes na prórroga orzamentaria por servizos ou programas que debían concluír no exercicio anterior ou financiados con crédito ou outros ingresos específicos ou afectados.
O total no apartado de investimentos previstos ascende a 1.842.000 €, o que se traduce en máis do 20% dos orzamentos. O Concello achega un total de case 513.000 € de fondos propios para o financiamento de investimentos que, entre outras, atendería á construción cofinanciada coa Xunta do centro sociocomunitario Isabel Zendal (148.000 €), mellora das instalacións deportivas municipais (126.800 €), investimentos en vías públicas, renovación de semáforos, dotación para optar a subvencións de máximo interese, así como as obras incluídas no POS+2017 (953.800 €).
Advírtese un incremento nas partidas destinadas a políticas sociais, entendendo estas como a suma dos importes dedicados a gastos sociais, educativos, culturais e deportivos. Neste sentido as actuacións de protección e promoción social increméntase en máis dun 13%.

Cuestión de confianza
Con todo isto José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes, avanzou que nestes días tratará co seu equipo a posibilidade de formular á corporación unha cuestión de confianza que, de prosperar, daría luz verde a estas contas.
O grupo dos non adscritos baseou a súa oposición aos orzamentos en aspectos relacionados coa participación cidadá na súa confección ou no incremento do gasto en servizos sociais a través da Mancomunidade de Ordes (36.000 €), entre outros. Aspectos que se rebateron por parte do alcalde de Ordes en base á exposición pública e á apertura de alegacións unha vez fosen aprobados e na ampliación do servizo de Axuda no fogar e no aumento de situacións de emerxencia derivadas do peche de empresas na zona entre outras razóns.
Nas mocións presentadas no seu día polo grupo socialista de Ordes a estes orzamentos figuran partidas orzamentarias destinadas a proxectos como o arranxo da EDAR e a ETAP no caso de poder beneficiarse dalgún tipo de axuda por parte doutros organismos (150.000 €) e a construción dunha cancha de baloncesto e unha pista de tenis no complexo de Vista Alegre (30.000 €).
Por parte do BNG criticouse que se cuantifique a redución de débeda en 925.000 € cando realmente a maioría dese importe se obtén grazas a un vantaxoso crédito ao 0% por parte de Deputación da Coruña. Isto significa que realmente habería que falar de 300.000 € aproximadamente, segundo explicacións do voceiro Pablo Vidal. Este tamén foi moi crítico coa construción do novo inmoble destinado a centro sociocomunitario, propoñendo como alternativa o remate do Concello vello e a readaptación do Concello novo para acoller os traballadores de Servizos Sociais e demais servizos previstos. Mancomunar o servizo de guindastres; aumentar as partidas para as axudas a deportistas locais, activación do viveiro de empresas, promoción do comercio local; a revertebración do servizo de recadación dos tributos municipais ou o pago dos trienios ao persoal laboral foron outras das súas alegacións para non aprobar os ditos orzamentos.
Baseándose en aspectos legais tanto o Interventor como o Secretario municipal rexeitaron as emendas formuladas por UxO, cuxa aplicación poría en risco servizos esenciais para o día a día da cidadanía ordense. A demora no seu rexistro imposibilitou o seu estudo e o informe favorable dende o punto de vista da legalidade orzamentaria. No relativo ás cuestións relacionadas cos pagos aos traballadores municipais, a supresión da convocatoria pública de prazas ou os posibles cambios na RPT a negativa a debatelas fundamentouse en ser competencias do alcalde. Este lembroulle á bancada de UxO que a RPT vixente “foi aprobada en 2010 por vostedes e no prazo habilitado no seu día non se presentou ningunha alegación”, ademais de cuestionarlle que os ditos incrementos salariais “non se fixeran ao longo dos oito anos que estiveron no poder”.
As elevadas reducións económicas ascenden a un total de 594.000 € que se asignarían á amortización de débeda. En palabras de José Luis Martínez Sanjurjo a dita proposta faría inviables servizos como o guindastre, o asesoramento urbanístico, poder manter a rede eléctrica ou os parques públicos e zonas verdes en condicións.
Tamén impediría cumprir coa normativa vixente relacionada coa recollida selectiva de vidro e papel, ou incluso co referente á publicación dos anuncios no BOE, DOG E BOP, o que imposibilitaría a posta en marcha de calquera acordo aprobado no Concello. Tampouco se podería facer fronte ao pago do canon esixido por SOGAMA pola recollida dos residuos e, incluso, pagar a débeda existente a día de hoxe en base ao PXOM tramitado no seu día por este mesmo grupo e que nunca se concluíu. O Concello quedaría sen programación cultural ao verse na obriga de prescindir da Rede Cultural da Deputación da Coruña e do AGADIC. Non se poderían aboar as facturas presentadas no tramo final do exercicio anterior, ou pagarlles o soldo aos profesores da escola municipal de música, desenvolver as actividades de conciliación durante o Nadal, Entroido ou no verán, ademais de ter que suprimir as clases de ESO para persoas adultas, “a pesar de todas as veces que as ten defendido aquí” en alusión á voceira de UxO, Silvia Marín.